miércoles, 16 de febrero de 2011

A PÍA DA CASCA

Dende hai uns anos as nais e os pais do CEIP “As Mercedes” escolleron como nome da súa asociación o de Pía da Casca o cal fai referencia histórica á grande pía que existía xusto diante do Colexio, no lugar que hoxe se coñece como praza de As Mercedes

O Campo da Pía da Casca, que era como sempre se chamou, estaba situado á beira da antiga muralla de Ourense e accedíase pola porta da Corredeira situada na actual rúa Santo Domingo máis ou menos á altura onde hoxe se atopa o edificio de  Facenda. Pero o acceso máis curto dendo o centro da cidade era vindo dende o Tendal da Figueira e saindo pola denominada Porta da Pía da Casca situada ao final do que é hoxe a rúa do Paxaro.
A Pía, unha vez chea de auga, servía para botar nela a casca  principalmente de castiñeiro para que desprendese a substancia chamada tanino.  Neste curtido vexetal sumerxíase o coiro conseguindo unha textura suave e de cor marrón debido á tinta do castiñeiro. Este proceso  duraba de 7 a 40 días dependendo da espesura do coiro
Quedaba así o tecido preparado para que os gremios de artesáns: zapateiros, encadernadores  e albardeiros entre outros  proseguisen o seu  traballo, algúns deles  na Fonte dos Coiros, hoxe Praza de San Marcial e outros na rúa da Paz.

Durante a  Idade Media o curtido de peles estaba considerada unha industria nociva e era relegada ás aforas das cidades, por iso a Pía da Casca estaba situada fóra da muralla debido aos cheiros que producía.

É de agradecer a recuperación deste nome vixente  e oficial durante séculos, que foi modificado radicalmente no ano 1850 por un concelleiro de orixe foránea a quen a nomenclatura da toponimia en galego resultáballe ridícula e contraria ao gusto e adiantos da época.

Carlos Domínguez.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Que ben coñecer a historia do nome da ANPA, toma mais sentido cando coñecemos a súa historia. Grazas Carlos polas túas explicacións

Beatriz dijo...

Sempre me preguntei qué significaba un nome tan eufónico e agradable como Pía da Casca; de feito alguna xente próxima preguntoume ó entrar a miña filla ó colexio. Agora coñezo o significado e paréceme todavía más interesante. Moitísimas gracias Carlos e noraboa por recuperalo

Avelina dijo...

Que interesante historia! Vaia coa vida secreta das palabras! Paréceme, Carlos, un relato relamente revelador. Ou sexa que grazas a ANPA do colexio de "As Mercedes" este nome foi restablecido; Que ben! Un motivo máis de ledicia que me dá o ter a meu fillo formando parte deste comunidade.